sábado, 29 de octubre de 2016

Recollida de sinaturas en change.org

Nuestra compañera Reyes ha iniciado esta recogida de firmas, si estas de acuerdo firma

 

Mellora das frecuencias e doutros problemas dos trens A Coruña-Vigo

Desde a entrada en funcionamento do Eixe Atlántico o 18 de abril de 2015 cambiaron os horarios de trens entre A Coruña e Vigo (o que afecta a Santiago de Compostela, Pontevedra...) e suprimíronse varias liñas rendibles en canto a nivel de ocupación das prazas e á venda de billetes.
Desde esa data quedaron descubertos os servizos de trens entre as cidades galegas en distintos tramos horarios, o que supón máis de hora e media de espera se perdemos un tren ou se este vai completo, por exemplo de Santiago de Compostela á Coruña, cando a duración da viaxe é inferior a 30 minutos. A redución do traxecto non mellora o servizo cando hai que agardar tanto tempo polo seguinte convoi.
Faltan conexións e frecuencias, en especial nas horas punta e os luns, xoves, venres e domingos, días nos que van completos os trens entre A Coruña e Vigo. Antes da implantación do Eixe Atlántico había reforzos, mediante o duplicado de vagóns, pero agora é frecuente ver o cartel de Tren completo na web de venda de billetes e nos paneis informativos da estación.
Nas horas punta debería haber trens cada media hora que, por exemplo, alternativamente fagan paradas nas poboacións de proximidade e o seguinte nas cidades.
Non se teñen en conta os horarios de traballo e estudios cando o último tren de Vigo-A Coruña sae ás 21:35 h e en sentido inverso ás 21:00 h. E a conexión mediante bus é aínda peor (acaban ás 21:00 e ás 20:00 h respectivamente).
As estacións teñen unha conexión deficiente co transporte urbano nas estacións de Vigo e Santiago de Compostela. Este problema vese agravado co sistema de dobre estación de Vigo (Guixar e Urzaiz), o escaso número de sistemas de suxección para bicicletas nos trens (só 3 enganches para convois de 280 prazas) e a falta de puntos de recollida de bicicletas públicas nas estacións e de aparcadoiros gratuítos para os usuarios dos bonos mensuais.
O prezo dos abonos é moi elevado e non se poden adquirir a través da web. As administracións públicas deberían apoiar o abaratamento dos billetes para fomentar o uso do transporte público, así como crear maiores descontos para colectivos de estudantes e traballadores que empregan o tren a diario. Así mesmo debería volver a incrementarse a vixencia dos bonos non mensuais a tres meses.
Ademais o novo sistema de transbordos entre trens veu acompañado de distintas tarifas e sistemas de venda incompatibles co sistema de bonos en uso nas máquinas validadoras das estacións.
Solicitamos a colaboración de RENFE e o apoio das universidades,  administracións locais e autonómicas, para a mellora das frecuencias no Corredor Atlántico ferroviario e fomentar un sistema de transporte público xusto e eficiente que mellore a conciliación, a mobilidade sostible, a redución do tráfico automobilístico, da sinistralidade e da contaminación ambiental e deste xeito mellore a calidade de vida dos seus usuarios.