Cando un se atopa na prensa unha noticia coma esta
"Un plan autonómico prevé 67 párkings para liberar de vehículos las ciudades" non pode deixar de pensar que isto todo é unha gran tomadura de pelo. Ben sei que seguramente sexa un dos múltiples proxectos sobre infraestruturas anunciados en vísperas de eleccións, e dos que unha vez pasadas estas ninguén se acorda. Aínda así, non podo evitar sentir como insultan a nosa intelixencia. Un non sabe que pensar cando ve como liquidan unha institución deste país como era
Preescolar na casa porque medio millón de euros son unha cantidade inasumible en tempos de crise, e acto seguido te atopas unha noticia na que presentan un proxecto cunhas estimacións moi optimistas de máis de
10 míllons de euros para facer/subvencionar parkings nas grandes cidades. Exactamente cales son as prioridades dun país en crise?
Como todo o mundo sabe estamos en crise, situación na que a actividade económica se reduce, e como non podía ser doutro xeito os desprazamentos en
coche dos cidadáns tamén. Nunha situación como esta parece pouco probable
rescatar autoestradas, levar a cabo
novas infraestruturas, semella difícil
manter as existentes e non temos moi claro o
modelo de financiación a medio plazo destas vías. Con este panorama, seguimos invertindo tozudamente en transporte por carretera. O argumento de que o coche non é un medio de transporte ecolóxico, sostible ou socialmente rendible xa nin me vou molestar en presentalo, non vaia ser que algún político me tache de reaccionario.
Pois neste contexto de reducción de tráfico e cunha tasa de paro polas nubes, semella que o mellor para reactivar a economía do país é construir/subvencionar 67 parkings nas cidades, emulando gloriosos fiascos que é mellor
nin nomear. Dentro do meu limitado entendemento, só vexo tres posibles beneficiados con esta medida, e entre eles non se atopan os cidadáns que van sufragar as obras:
- Propietarios de chan nas cidades, que agora que veñen torcidas debe
haber máis dun ao que lle queiman nas mans as propiedades que comprou
para especular.
- Promotores e constructoras, que poden ter unha boa fonte de traballo pagada polos contribuíntes.
- Os políticos, que 67 inauguracións dan para unha boa dose de prensa.
Xa sei que a clase política deste país só coñece un único tren denominado AVE, pero hai que facerlles saber que moitos estudantes e traballadores collemos os servizos de cercanías (chamados en Galicia "Media Distancia", para desgraza dos nosos petos) a diario. Tamén hai que llembrarlles que a pesar de que nos atopamos nun contexto de crise o número de pasaxeiros de tren sube ano tras ano, que o eixo atlántico é unha das liñas de media distancia máis rendibles do estado español e que a pesar de todo isto RENFE/ADIF
eliminan frecuencias,
aplican tarifas abusivas e operan un servizo
de costas ao cliente.
Seguramente cun pouco de interese por parte da administración e unha parte ínfima dos cartos que se gastarían en 67 parkings, podía mellorarse o transporte ferroviario nas grandes cidades galegas, algo que si tería un impacto directo e inmediato na calidade de vida dos cidadáns.
Se de verdade lle importa a intermodalidade a Xunta de Galicia, aconséllolles que comezen por botarlle unha ollada aos horarios de primeira hora da mañá de Renfe no eixo atlántico, e cando se recuperen do susto invítoos a comprobar como a oferta de autobuses nas estacións de tren é nula. Señores políticos, porque non se remangan e comezan a xestionar axeitadamente as infraestruturas que temos en servizo?