Como todo o mundo sabe estamos en crise, situación na que a actividade económica se reduce, e como non podía ser doutro xeito os desprazamentos en coche dos cidadáns tamén. Nunha situación como esta parece pouco probable rescatar autoestradas, levar a cabo novas infraestruturas, semella difícil manter as existentes e non temos moi claro o modelo de financiación a medio plazo destas vías. Con este panorama, seguimos invertindo tozudamente en transporte por carretera. O argumento de que o coche non é un medio de transporte ecolóxico, sostible ou socialmente rendible xa nin me vou molestar en presentalo, non vaia ser que algún político me tache de reaccionario.
Pois neste contexto de reducción de tráfico e cunha tasa de paro polas nubes, semella que o mellor para reactivar a economía do país é construir/subvencionar 67 parkings nas cidades, emulando gloriosos fiascos que é mellor nin nomear. Dentro do meu limitado entendemento, só vexo tres posibles beneficiados con esta medida, e entre eles non se atopan os cidadáns que van sufragar as obras:
- Propietarios de chan nas cidades, que agora que veñen torcidas debe haber máis dun ao que lle queiman nas mans as propiedades que comprou para especular.
- Promotores e constructoras, que poden ter unha boa fonte de traballo pagada polos contribuíntes.
- Os políticos, que 67 inauguracións dan para unha boa dose de prensa.
Seguramente cun pouco de interese por parte da administración e unha parte ínfima dos cartos que se gastarían en 67 parkings, podía mellorarse o transporte ferroviario nas grandes cidades galegas, algo que si tería un impacto directo e inmediato na calidade de vida dos cidadáns.
Se de verdade lle importa a intermodalidade a Xunta de Galicia, aconséllolles que comezen por botarlle unha ollada aos horarios de primeira hora da mañá de Renfe no eixo atlántico, e cando se recuperen do susto invítoos a comprobar como a oferta de autobuses nas estacións de tren é nula. Señores políticos, porque non se remangan e comezan a xestionar axeitadamente as infraestruturas que temos en servizo?
0 comentarios:
Publicar un comentario